Thursday 18 de April de 2024

O Goberno local acorda coa Marea Atlántica enriquecer o regulamento das Escolas Infantís aceptando gran parte das alegacións das directoras dos centros


A nova normativa, que será aprobada o luns, implanta un ensino de 0 a 3 anos gratuíto, en galego, con valores e con alimentación saudable na infancia

O Goberno local e o grupo municipal da Marea Atlántica acordaron a aprobación definitiva do novo regulamento das Escolas Infantís Municipais, que implantará a gratuidade do ensino de 0 a 3 anos a partir do vindeiro curso, beneficiando a 830 familias usuarias na Coruña. A nova normativa enriquécese coas alegacións das directoras das EIM, que serán aceptadas e incorporadas ao texto en gran parte. Este acordo é parte do pacto asinado en xullo de 2019, facendo posible a investidura de Inés Rey como alcaldesa, e será aprobado o luns na Comisión de Educación.
Segundo o voceiro do goberno local, José Manuel Lage, a gratuidade das escolas infantís é un compromiso do goberno de Inés Rey para melloras as políticas sociais na cidade. “Escoitamos as directoras dos centros e tivemos en conta todas as achegas, introducindo melloras sobre o regulamento inicial”, dixo.

Por parte da Marea Atlántica, a voceira municipal María García sinalou que “escoitamos as propostas das directoras, que coñecen a realidade dos centros mellor ca ninguén, e incorporámolas para que o novo regulamento sexa o máis útil posible. É un xeito de recoñecer o traballo das profesionais que educan e coidan ás nenas e nenos da Coruña e de mellorar o servizo”. E engade que desde agora, as

EIM pasan a ser parte integral do ensino público, por dereito propio. E conseguímolo grazas ao entendemento entre forzas progresistas”.
Deste xeito, os nove centros que conforman a rede de escolas infantís municipais – Agra do Orzán, Arela, A Caracola, Carmen Cervigón, Carricanta, Os Cativos, Luis Seoane, Monte Alto e Os Rosales– comezarán o curso en setembro cun novo regulamento que, a maiores da gratuidade, introduce o galego como lingua vehicular, fomenta os valores como a igualdade e a diversidade, e reforma os menús dos comedores para facelos máis saudables e con produtos de proximidade.
Alegacións aceptadas
As alegacións presentadas polo colectivo de directoras das Escolas Infantís Municipais contribúen, en xeral, a afinar o regulamento na súa parte técnica. Así, entre as súas propostas estimadas atópase a de incorporar representación da Universidade da Coruña ao órgano de supervisión e coordinación das EIM; a de fomentar o papel das ANPAS; e as relativas a unha mellor definición dos obxectivos educativos e do funcionamento dos centros. Outras tiveron que ser desestimadas polos seus problemas de encaixe xurídico e legal, segundo os informes técnicos da área municipal de Educación.
Acéptase, ademais, unha emenda do grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego, para incorporar a presenza dunha profesional do ámbito pedagóxico ao Consello de Participación das EIM, un órgano de nova creación que garantirá que o profesorado e as familias teñan voz no funcionamento destes centros de ensino de 0 a 3 anos.